Friday 26 de April de 2024

Lete Lasa destaca a calidade do remo en Galicia e sitúa a Cabo de Cruz como referente mundial no banco fixo feminino e masculino


_Destaca as dúas estadías do Cabo de Cruz na ACT-Euskolabel e o ascenso do Cabo feminino a pasada tempada á Euskotren

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou no serán de hoxe as instalacións do Club de Remo Cabo da Cruz ao que describiu como referente mundial do banco fixo.

Nunha semana tan importante na que se celebra o Día da Muller, o mandatario galego destacou o alto nivel de todos os equipos do Cabo da Cruz, tanto masculinos como femininos. Neste sentido lembrou as dúas estadías do Cabo da Cruz na máxima categoría do remo de banco fixo, a ACT-Euskolabel. A primeira dende os inicios da competición, en 2003, ata 2008 e a actual na que leva nove anos ininterrompidos, desde 2014, na elite do remo. Por outra banda, lembrou o ascenso no ano 2022 do Cabo feminino á máxima categoría nacional feminina, a Euskotren, despois de rematar en primeira posición na LGT feminina. Do mesmo xeito, Lete Lasa non quixo esquecer ao filial do Cabo de Cruz que actualmente compite na Liga Galega de Traíñas.

O titular do deporte galego ratificou o apoio da Xunta de Galicia ao Cabo da Cruz que no ano 2022 recibiu un total de preto de 42.000 euros -máis de 4.500 na orde de actividade, máis de 5.000 en equipamento e preto de 32.000 euros no Plan de Patrocinio Publicitario da Fundación Deporte Galego-. .